domingo, 14 de junio de 2015

LEDICIA COSTAS

O xoves 11 visitounos Ledia Costas, a autora do libro que vimos de ler, Escarlatina, a cociñeira defunta, e que tanto nos gustou. Recibímola na Biblioteca e agasallámola con algúns dos doces que ela nos presentou no libro e que tanto lle gustan. Esperabamola o venres 5, pero non poido vir por mor dunha afonía, e ese era o día que nós tiñamos preparados unha chea de pratos de sobremesa. Pratos  que tamén degustamos ao longo das lecturas.
Escarlatina, a cociñeira defunta é un libro onde se combinan maravillosamente ben dous temas que en principio parecen incompatibles: a infancia e a morte.  Ledicia, con toques de humor e de boa escritura, vainos introducindo no Alén, viaxando a toda pastilla no mortobús (bonito neoloxismo) e métenos de cheo nun mundo misterioso que ela fai parecerse moito ao Aquén. Xunto con Román, Escarlatina, Lady Horreur e o avó de Román viviremos aventuras e venceremos a Amanito e aos seus esbirros.
A verdade é que se trata dun libro delicioso e coas receitas de Román moito máis.
Quedamos a espera da precuela (o que pasou antes) que está a piques de saír, como nos dixo a autora.
Ledicia contounos detalles do libro e respondeu a todas as nosas curiosidades e comentarios.  Logo, asinounos os libros e tamén no libro de visitas da Biblioteca.
A biblioteca estaba decorada para a ocasión con traballos sobre o libro, sobre a autora e con fotos de momentos moi doces degustando as receitas.
En fin, moi boa lectura, un bonito momento e unha ledicia compartir este tempo con Ledicia, á que agradecemos a súa visita e comprensión. Grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario